Prepara un protocolo de actuación que pactará coas entidades para fixar as pautas de alimentación e esterilización.
O Concello de Santiago prepara un protocolo de actuación para fixar uns criterios no coidado das colonias de gatos que proliferan na cidade e en zonas periurbanas. As liñas xerais serán presentadas nun prazo de 15 días a representantes de asociacións vinculadas á protección animal de Santiago para que «acheguen as súas ideas» e introduzan cambios que «enriqueza o protocolo» antes de poñelo definitivamente en marcha.
O departamento municipal de Medio Ambiente tomou «boa nota» dos últimos casos de malos tratos animais e púxose ao choio para atallar un problema que Teresa Gutiérrez cre que pode solucionarse contando coa colaboración de «persoas implicadas no mundo animal». A iniciativa municipal virá multiplicar o modelo posto en marcha por un grupo de persoas na avenida de Barcelona, que «está a dar bos resultados». De feito, a edila mantivo recentemente unha reunión con este grupo de persoas para coñecer o seu proxecto e tentar imitalo para o resto da cidade.
Por agora, o Concello ten localizadas quince colonias de gatos rueiros en zonas tan diversas como Sar, Pelamios, A Rosa, Fontiñas, Lavacolla e noutros barrios tradicionais da cidade. Pero a propia edila está segura de que pode haber máis.
A proposta consistirá na instalación de casetas para controlar aos gatos, que serán esterilizados. O custo das casetas e as esterilizacións serían financiadas polo Concello, mentres que os colaboradores ocuparíanse da alimentación. Cada unha das quince colonias de gatos identificadas por agora dispoñen dun grupo de colaboradores que se comprometen a alimentar e limpar a zona das casetas.
Previamente á instalación de casetas, os responsables municipais manterán reunións con veciños para explicarlles o proxecto e facerlles ver as vantaxes de manter as colonias. «Ademais de contribuír coa súa presenza para reducir a presenza de ratos e ratas», apuntou Gutiérrez, coa esterilización «cesarán os maullidos nocturnos, que tantas queixas provocan». Pero o máis importante é que «entendan que a alimentación debe ser controlada e que non poden seguir alimentándoos sen control».
«Explicaremos aos veciños as vantaxes de contar con colonias de gastos controladas»
Teresa Gutiérrez