A historia de Tella é un final feliz de verdade, dos que che fai recobrar a esperanza e a fe no ser humano. Tella chegou á Protectora no ano 2006 coas súas dúas irmás, Maggie e Toxa. Viviran unha experiencia traumática, xa que o lugar onde vivían e do que eran gardiás cambiou de dono, e elas foron incluídas na venda, xunto cun cuarto can. Con todo, ao novo dono non lle fixo graza terlles alí, así que un bo día e sen aviso previo/previo aviso colleu unha escopeta e empezou a dispararlles. Tella e as súas irmás viron como o seu compañeiro morría e elas escaparon de milagre e escondéronse. Un mozo que traballaba alí decatouse do sucedido e, como lles tiña agarimo, foi buscalas e tróuxoas á Protectora xa que el non podía facerse cargo.
Como é lóxico Tella, Maggie e Toxa volvéronse moi medorentas, e custáballes confiar na xente. Co tempo melloraron, pero os anos pasaran e un can maior e tímido pasa desapercibido a miúdo para os adoptantes, aínda que non para vós. No 2014, viñestes, mozos, a adoptar a Toxa despois de tantos anos, por fin atopaba familia! E levástesvos tamén a Benny. Con todo, meses máis tarde, a nosa adorable Maggie falecía, vítima da idade e do frío e humidade do refuxio. Tella estaba soa, sen as súas irmás…ata que reaparecestes vós, mozos, os seus anxos, para darlle a oportunidade de non morrer no refuxio sen saber o que é o agarimo e a calor dun fogar e, sobre todo, para demostrar que non todos os humanos son iguais e que aínda hai xente caritativa con sensibilidade e amor polos animais, consciente do seu sufrimento. DÁMOSVOS AS GRAZAS DE TODO CORAZÓN! Esperamos que gocedes de Tella tanto como ela da súa nova vida. GRAZAS!